Ayuntamiento de Lubián

Saúdo do Alcalde

2021030415530181021-min


"Compráceme darlles a benvida ao Concello de Lubián, tanto se son veciños do noso municipio como se se atopan vostedes de visita. Esta páxina, totalmente renovada tanto nos contidos como no seu deseño, supón un esforzo grande por adaptar a administración local ás novas tecnoloxías e constitúe un reto para nós nun contexto de transformacións dixitais nas contornas do rural.

Lubián atópase na Comarca das Portelas, lugar que foi históricamente un cruce de camiños e culturas. Tanto é así que mantemos estreitas relacións coas terras veciñas en tódalas direccións. Formamos parte da provincia de Zamora, na Comunidade Autónoma de Castela e León mais somos tamén integrantes da chamada Galicia estremeira que conserva a lingua galega e o seu folclore fóra da comunidade veciña. E, como non, a nosa cercanía con Portugal bríndanos estar a un paso de desfrutar das aldeas e vilas da raia.

No noso Concello conservamos o noso patrimonio e a nosa cultura día a día e todos os lugares do municipio son exemplo da arquitectura tradicional das montañas da Alta Sanabria. Así pois queremos facer desta web e das nosas redes sociais unha grande porta pola que poidan entrar a coñecer todo o que temos que ofrecer.

Temos as portas físicas e virtuais abertas a todos e todas os veciños e veciñas. En Lubián son sempre benvidos, tanto se nos visitan virtualmente como se o fan de xeito presencial.


Un cordial saúdo,

Felipe Lubián